Saltear al contenido principal

Chega o Xacobeo 21·22 “3X3” FGB

A Federación Galega de Baloncesto pon en marcha esta competición oficial de 3×3 que terá lugar o vindeiro 26 de decembro en Pontevedra.

A Federación Galega de Baloncesto, co patrocinio e apoio do Xacobeo 21·22 e a Xunta de Galicia, e coa colaboración do Concello de Marín e do CB Peixe Fresco presenta o Xacobeo 21·22 “3×3” FGB, competición oficial que terá lugar o vindeiro 26 de decembro no Pavillón A Raña, en Marín.

3x3 FGB

Aberta a todas aquelas persoas maiores de 16 anos que desexen desfrutar do 3×3 para despedir o ano 2021, esta nova cita deportiva contará cun máximo de 24 equipos que poderán ser femininos, mixtos ou masculinos, competindo todos en conxunto.

Os equipos deberán estar formados por un mínimo de 4 e un máximo de 6 persoas, e afrontarán un formato de xogo disposto en eliminatorias previas e posteriores roldas de oitavos, cuartos de final, semifinais e final.

Un membro de cada equipo terá tamén a posibilidade de participar nun concurso de tiro, que se realizará de xeito paralelo á propia competición 3×3, e que completará toda unha xornada de puro baloncesto.

Premios e Agasallos

O Xacobeo 21·22 “3×3” FGB buscará un campión entre eses 24 equipos ao que agasallar cun premio en metálico de 1000 euros e o seu correspondente trofeo.

O recoñecemento para o subcampión será de 500 euros, resultando tamén premiados os semifinalistas por valor de 200 euros.

Pola súa banda, o campión e subcampión do Concurso de Tiro terán tamén o seu galardón a través dun bono de material deportivo por valor de 200 e 100 euros, respectivamente; acompañado dun balón oficial Molten.

Inscrición

A participación no Xacobeo 21·22  “3×3” FGB terá un custe de 60 euros por equipo, incluíndo nesta cantidade unha licencia oficial con Seguro Deportivo asociado para os membros de cada equipo, así como o agasallo dunha camiseta de xogo oficial do evento, coa que deberán disputarse os partidos.

O prazo para tramitar a inscrición permanece aberto desde este venres, tres de decembro; e estenderase ata o vindeiro 16 de decembro, sempre e cando non se cubran previamente as 24 prazas dispoñibles.

O proceso de inscrición, para o que se terá en conta de xeito estrito a orde de chegada do xustificante de pago da cota, debe realizarse través do apartado INSCRICIÓN desta mesma web.

Así mesmo, para o envío de consultas permanece activo o email inscricion@3x3fgb.gal


Volver arriba