Saltear al contenido principal

O 3X3 FGB CHEGA ÁS RÚAS GALEGAS

Regresa o 3×3 FGB e, desta volta, dá o salto ás rúas galegas. O vindeiro mes de xuño a competición 3×3 da Federación Galega de Baloncesto chegará ás cidades de A Coruña, Ourense e Santiago de Compostela para facer desfrutar a todos os afeccionados deste formato.

Dúas Series previas clasificatorias e unha Serie Final configuran esta nova aposta polo 3×3 da Federación Galega de Baloncesto, en colaboración principal coa Xunta de Galicia, os Concellos de A Coruña, Ourense e Santiago de Compostela, e o Centro Comercial Área Central.

A Praza do Parrote (A Coruña) o vindeiro catro de xuño, e o exterior do Pavillón dos Remedios (Ourense) o día 11 do mesmo mes acollerán as Series previas deste 3x3FGB. En cada unha delas poderán participar ata un máximo de 24 equipos formados por xogadores e xogadoras nados no 2005 e anos anteriores.

Os equipos poderán ser mixtos, masculinos ou femininos, cun mínimo de 4 integrantes e un máximo de seis. A competición será de carácter único, todos contra todos.

A Final

Os 16 mellores equipos resultantes de ranking oficial por puntos tras a disputa de ambas as Series Previas serán os protagonistas da serie final. Esta terá lugar o 25 de xuño en Santiago de Compostela, na praza exterior do Centro Comercial Área Central. Os finalistas buscarán facerse cun campionato que goza de atractivos premios económicos.

Esta gran final contará ademais co seu propio Concurso de Tiro no que participarán representantes dos equipos clasificados, así como xogadores ou xogadoras de aqueles equipos que non puideron chegar ata esta rolda e que se inscriban para este propósito.

Premios

O 3×3 FGB contará con premios tanto para os mellores equipos de cada serie Previa, así como para o Campión, Subcampión e Semifinalistas da gran final.

Un galardón de 2000 € para o equipo que resulte campión do circuíto abrirá un palmarés que tamén recoñecerá aos mellores cos seguintes premios

Subcampión Final 3X3 FGB: 1000 €

Semifinalistas: 300 €

Campión de cada Serie: 500 €

2º Clasificado de cada Serie:200 €

Semifinalistas de cada Serie: 100 €

Os finalistas do Concurso de tiro tamén gozarán do seu premio.

Inscrición

A inscrición para as SEDES PREVIAS de A Coruña  e  Ourense realizarase de forma independente. Un mesmo equipo poderá participar en unha soa o nas dúas series previas, pero deberá realizar cada inscrición (Ourense e A Coruña) de xeito independente en cada unha delas.

O prazo de inscrición para o 3×3 FGB – A Coruña comeza o vindeiro 10 de maio e estenderase ata o día 30 de maio.

Pola súa banda, o prazo de inscrición para o 3×3 FGB –  Ourense iniciarase o 23 de maio e permanecerá aberto ata o día 6 de xuño.

A cota de Inscrición é de 40 € por persoa.  Véndose reducida nun 50% (20 €) no caso de aqueles xogadoras ou xogadores que conten con licencia en vigor na FGB).

Esta cota económica é única para o total do Torneo 3X3 FGB. Unicamente se abonará á hora de realizar inscrición na primeira ou única das Series Previas na que se participe.

A información completa relativa á inscrición, normativa da competición, seguros deportivo e todos os detalles do 3×3 FGB poden consultarse na web oficial www.3x3fgb.gal

Volver arriba